Saturday 04 de May de 2024

Todo listo na Praza do 10 de marzo (San Valentín – Fene) para a inauguración da mostra “Pacto Verde Europeo”, do centro Europa Direct, da Deputación da Coruña


O acto comezará ás 21 horas deste luns, 3 de xullo, e incluirá a performance “Europa Verde” con danza, acrobacias e malabares, ao son do himno europeo; así como a grabación dun vídeo.
Coa súa estadía no Concello de Fene, esta exposición -que se poderá visitar até o vindeiro 14 de xullo- inicia a súa terceira xira por concellos da provincia co obxectivo de “achegar á cidadanía de maneira didáctica e sinxela os obxectivos e medidas da política medioambiental e climática da Unión Europea”.

A mostra tamén ten unha dimensión interactiva con “A Aventura do Pacto Verde Europeo”, un escape-room virtual destinado á infancia e mocidade, ao que se accede a través dun código QR.

A exposición Pacto Verde Europeo consta de 12 paneis en 6 expositores ecosostibles, con mensaxes clave sobre as medidas que contempla o “Pacto Verde Europeo” nas seguintes áreas: Neutralidade climática, Enerxía, Industria, Construción, Mobilidade, Da granxa á mesa, Biodiversidade e Contaminacións 0. Os Obxectivos da exposición son: dar a coñecer o Pacto Verde Europeo entre a cidadanía; transmitir a relevancia da transición ecolóxica e as propostas da Comisión Europea para lograr a neutralidade climática en 2050; dinamizar a información europea no territorio da provincia, aproximando as fontes de información europea á poboación rural; e fomentar o debate europeo no entorno rural para potenciar a súa participación activa na toma de decisións de proxecto europeo.